‘Dardos’ xurdiu como unha proposta que axude a proporcionarlle á nosa lingua uns aires renovados que demostren a súa capacidade de desenvolverse en calquera eido e de tratar todo tipo de temáticas. Son os prexuízos e a ignorancia os que limitan un idioma, e é ben sabido o sufrimento que estes lle causaron ó longo dos anos á cultura de Galicia; de aí o meu empeño en demostrar a súa valía a través deste disco.
Todas as cancións terman dunha mensaxe social e expresan queixas directas resumidas no título cunha soa palabra, a modo de dardos, pequenos mais precisos. Así pois, temas como “Mártires” evidencian os laios de todas as mulleres vítimas da violencia de xénero, unha das peores lacras da nosa sociedade. “Anceios” visibiliza a aqueles que marchan fóra da súa terra na busca doutra á que poder chamar fogar; homes e mulleres incomprendidos por un primeiro mundo que, como “Egoísmo” indica, está ‘engordado por complexos que ninguén deixa aflorar’. Porén, para compensar o antedito, tamén se tratan temas de carga positiva, relacionados coa amizade, co amor e coa importancia de deixar os problemas marchar e aprender a convivir cos nosos erros sen seguir culpándonos polos danos cometidos. Dentro desta temática hai varias cancións, como poden ser “Aliado” ou “Un salvavidas”.
Por outra banda, así como debe existir unha riqueza léxica nas letras, tamén se lle debe facer honra ó idioma tendo en conta a calidade musical. No disco, insístese na necesidade de variar de estilo e outorgarlle así a posibilidade de abarcar distintos tipos de música sen ancorarse nun unicamente. Aquí entra tamén en xogo a nosa visión do idioma como transmisor da actualidade, que ademais de estar respaldado pola vizosa tradición tamén precisa enriquecerse con diferentes estilos, así como o pop, o rock, a reagge, o funky e incluso o jazz. “Retrato”, “Preguntas” ou “Prometo” son algunhas das cancións que exemplifican dita diversidade musical.
Dardos tamén conta cunha canción adicada á nosa lingua e fai referencia ó inxustos que podemos chegar a ser con ela por non decatarnos de que nos dá identidade como pobo.
“Mártires” é o primeiro videoclip e nel denúnciase a violencia de xénero, reivindícase o papel da muller e, a través das imaxes, perséguese trasladar ó espectador o sentimento de angustia e a sensación de apresamento á que está sometida.
Afronto con ilusión este traballo e sería gratificante saber que con el consigo achegar ós máis novos música galega e en galego, e que asemade a sintan coma algo propio, de xeito semellante ó que eu experimentei.
Temas do disco ‘Dardos’
“Anceios”
Quen dixo que é de noso esta Terra
para nela sementar férreas fronteiras?
Quen converteu o mar nun punto negro
ó que van naufragar soños eternos?
A pel que nos envolve e aloumiña
xa non acalafría ante a inxustiza;
xa non se quebra con cruel anguria
de quen anceia un lar mentres camiña.
Das pedras valoramos a dureza,
dos homes, disque agora, a vileza.
Chegou a hora de tatuar nas almas,
un corazón, un beixo, unha espranza.
Se é tempo de liberarse,
Se hai sorrisos no aire,
se ti e eu anceiamos sempre
unha vida, moitas, diferentes…
Sobran palmas que alzan o ego
de quen do mundo fai o seu feudo;
faltan mans que constrúan fogares
e destrúan barreiras de maldade.
Xa abonda de baldías escusas.
Dan vergonza as promesas obtusas.
Fan falla humanas obras e feitos
que á vida garantan o dereito.
Ringleiras de soños agatuñan murallas.
Alfaias sen vida aboian nas praias.
Hoxe é a primeira alba dunha era
que agarda, apaixonada, sen espera,
que deixa atrás, por fin no esquecemento!
Salaios, feridas, silencio …
“Preguntas”
Medramos na necidade
de sentirnos aceptados,
non abonda con sabermos
que somos xente de lei;
cantas máis veces nos digan
“canto vales!”, “es de dez!”,
mellor nos posicionamos
nun mundo de valores infieis.
Sempre á espreita, nunca inxenuos,
que pareza que vencemos,
aínda que o medo estea dentro
ou more en nós o desalento.
O teatro das aparencias
antes de nós foi creado,
non temos todos espazo,
malia estar no mesmo palco,
daquela, un conflito armamos
coma se fósemos soldados.
Ou vangarda ou retagarda,
cadaquén sabe o seu sitio
a ocupar para a batalla
e defenderse… hai inimigo?
Como non perder o Norte!
se xamais nolo marcaron;
imposible atopar o rumbo
fóra deste mapa inmundo.
Mais, que fago? Non aprendo.
Doulle voltas. Sempre igual.
Mergullada en pensamentos
que me afogan aínda máis.
Vou na busca do equilibrio,
ós inxustos desafío.
Serve de algo penar tanto?
Dará froito o cruel pranto?
As preguntas que me asaltan
van reclamado respostas,
unha fórmula sensata
que, se a atopo, reconforta.
“Egoísmo”
Os piares do egoísmo
refórzanse sen cesar,
engordados por complexos
que ninguén deixa aflorar.
Que simpleza irredenta!
Que ridículo actuar!
Non se agocha facilmente
o que brota sen avisar.
Individuos inmaduros
afánanse en destacar;
pobres almas con diñeiro,
tristes risos, nada máis.
Días vividos ás toas
no calendario riscados
a modo de notas soltas
que, sen ler, extraviamos.
Pouco ou nada, así gozamos,
que máis dá! Iso que importa?
Esforzos carentes de premio
convertidos en condenas,
pois embebedan o ego
con enganosas promesas.
Escravizarse a un mesmo
de maneira voluntaria,
unha meta acaba sendo;
vaia engano! Que desgraza!
Murmurios confusos
enxalzados en discursos,
dos cales salientan
só termos difusos.
Magoante doenza
e andazo que progresa
mutando en novas cepas
ata converterse en besta .
Por centrarse nun mesmo
abandónase o aprecio
a quen ben acompaña
esquecendo pór prezo.
Graza causa a vaidade,
superficie sen cimentos,
velenosa amizade
a que anula os sentimentos.
Só un antídoto funciona
ante prognóstico grave:
padecer na carne propia
enganos, ausencias e fobias.
“Aliado”
Leo nos seus ollos,
sempre intrigantes;
naves que sucan
un mar arelante;
guías nas noites
de desconsolo,
nas que acubillan
e dan consolo.
Soño os sorrisos
que inventan beizos
desafiantes,
aptos para darme
a cada instante
sinais infindos
de amor sen fraude.
Busco as palabras,
parcas ou gratas,
mais necesarias
nas horas baixas.
O verbo rexo que en min resoa
só para advertirme:
recibe e goza!
Como aliado non ten rival;
asina acordos
a prol da paz.
Renuncia ó propio
polos demais,
prescinde do odio;
para que? Que dá?
Silandeiro e fiel,
segue un paso atrás;
non obstante vén
lixeiro a acariñar
a quen ve bagullar.
Pregoa soños
con insistencia
e troca bágoas,
con sutileza,
por esperanza
e promesas certas.
“Prometo”
Recordo e repaso as verbas que comparto.
Enxergo e examino os xestos que recibo.
Á fin creo ideas que me van transformando
nun ser inseguro que pasa por altivo.
A pel vou labrando
amodo, paseniño;
o corpo esculpindo
con mans de meniño.
Desexo e prometo trocar a actitude,
seguir camiñando en busca de virtudes;
mais hei de tentalo afouta, sen medo,
vivindo os perigos enchéndome de alento.
Saiamos da roda na que o rumbo perdemos.
Perdamos os planos; mellor, improvisemos!
Ceibemos as almas, pousemos as cadeas,
que enmeigan sentidos cal cantos de sereas.
Nas miñas miradas traslado mensaxes,
aforro eufemismos, manexo artificios;
procuro que sexan valentes verdades
e adocen, con xeito, amargos retrincos.
Do orballo da noite quixera o sosego.
Do abrente do día, tamén o poder;
anceio ceibarme do cruel desespero
que xera unha vida disposta a correr.
“Mártires”
Mártires sen honra,
antes soñadoras,
que sofren violencia
e mesmo vergonza.
Sombras ben escuras
tras quen as tortura,
ansiosas por verse
ceibes de ataduras.
Quixeran ser libres,
tamén invencibles;
poder desfacerse
do xugo que oprime.
Nós témo-la chave
que abre as fechaduras.
Bolboretas de amor
vólvense á fin
vermes de conmoción
que obrigan a finxir.
O amor non atura
soberbias nin iras.
O amor toca a lúa
con mans de caricias.
A alma non dobregues
ante roles virís,
nin calada pases
por un mundo servil.
Combate sen medo
co escudo da vida
e sente o latexo
que resoa aínda.
O tempo é sabio,
cómpre dar saída
ó fel máis amargo
para sandar feridas.
Prezada soidade,
danada autoestima,
perdido respecto,
maldita tiranía!
Por que hai que calalo?
Paga a pena romper
sen demora os lazos
que ata e tensa el.
Pasos adiante,
cabeza ben erguida;
así ha ser posible
evita-la caída.
“Retrato”
Valente sorriso amable
que a achegarse sempre anima
ós que buscan empatía,
dado o prezo da amizade.
Da mocidade desprende
aromas de rebeldía,
palabras que reivindican
xustiza agora e sempre.
Por recantos de inocencia
vai acomodando teimas;
algunhas tan insistentes
que en defectos se converten.
Non se gaña con gabanzas
nin tampouco se lle mandas
acatar con lei marcial
regras de índole social.
O contrato que establece
pra preservar a amizade
só se asina coa verdade,
co fin de que esta prospere.
Como un volcán que erupciona,
verque a lava dos anoxos;
recupera a calma ós poucos
unha vez que a ira esgota.
Con música adoza a vida,
rompe as reixas das gaiolas
desde onde nos vixían
medos, prexuízos e dogmas.
Ataviada para a conquista,
coa armadura da impaciencia,
agarda non ser ferida
cando emprende a descuberta.
Difícil de convencer,
aínda máis de aconsellar,
grazas ó ímpeto xovial
que herdado podería ser.
Percibe dende ben cedo
o peso de ser muller:
cargas e cargos eternos;
e pregúntase por que?
Aparentemente asume
os roles do seu contorno,
nembargantes vive soños
cunha voz que prende lumes.
“Un salvavidas”
Pode ser que ás veces sintas
a frialdade que producen
verbas de voces veciñas,
frechas, dardos que lastiman.
Has sentir nalgúns momentos
olladas desagradables
que se craven en silencio
no teu desarmado peito.
Bota man do salvavidas,
borra a información daniña,
resetea o pensamento,
vive e non perdas o tempo.
Se o anoxo en ti sementa
un perenne ofuscamento,
muda esa face serena
converténdoa en duro xeo.
Impón o sabio criterio
daquel que o amor promulga,
de todos cantos quixeron
entregando a alma núa.
Os rencores que alimentan
as envexas agachadas
neses saúdos a medias
non han de turbar a calma.
Pinta e prende a diario no rostro
un sorriso incandescente
que ilumine o teu contorno
tal faría o sol nacente.
“Alfaia”
Innato é querer ós nosos,
ó igual que sentir afecto
polo que dende ben nenos
conforma o cotián contorno.
Asumimos ter bandeira.
Pertencer a un colectivo
que persegue un obxectivo
con actitude seareira.
Que erro cometeu o idioma?
Por que ten que convencernos
de que el nos fai galegos?
Quen esquece a súa historia
e así perde a memoria?
Quen?
Orfo estivo o noso pobo,
asoballado e forzado
a ignorar o son paisano
que o aleitou acougo dando.
Aloumiño, arrolo e laio,
canto de ledicia e pranto
no inmenso mar e no campo;
verbas reais e de sabios.
Malia verse amordazada,
a muda fala cantou
e coa forza da paixón
esgazou a ruín mortalla.
Paga a pena é un tesouro
atemporal e vizoso,
regalía do avoengo
que anuncia novos tempos.
Rexas voces o enxalzaron
e agora o tempo é chegado
de devolverlle o prestixio
que alguén lixou con prexuízos.
“Espellos”
Na procura da amizade
investimos tempo eterno
sen aforrarmos xamais
trasfegas nin pensamentos.
Irmáns de sangue desigual,
compaña que se escolle
libremente ou ó azar
para compartir mil e un soles.
Irmáns, amigos, parceiros;
masculino e feminino;
tesouros novos e vellos;
dignas xoias de ouro fino.
As sombras escintilantes
que reflicten coma espellos
as nosas emocións, antes
de que enruguemos o cello.
Non se contan nin compilan;
quen o fai ponlles un prezo,
devalúa a súa estima
ó tratalos coma obxectos.
Comparanzas suspicaces
procedentes das envexas,
esas que do averno nacen,
de cando en vez nos condenan.
O perigo de perdelos
a desconfianza alerta,
arrefriando con receo
acenos, beixos e verbas.
Por moito que discutamos,
que alberguemos diferenzas
reconciliables ó cabo,
o agarimo recompensa.